Resumo
No marco da celebración do cincuenta aniversario da Casa Museo, preséntase un documento manuscrito de grande interese para a historia da Casa de Rosalía. Trátase dunha carta de Fortunato Cruces que chegou en imaxe á Fundación Rosalía de Castro procedente da familia Sáenz-Díez de Pontevedra, na que se dirixe a Ramona Castro, como propietaria, para preguntarlle o prezo da derradeira morada de Rosalía de Castro e solicitarlle unha demora na venda mentres el intenta que a colectividade galega emigrada se una para a súa compra.