A Revista

Follas Novas. Revista de estudos rosalianos ten periocidade anual, publícase en formato dixital e en papel, e preséntase sempre no mes de decembro.

Editada pola Fundación Rosalía de Castro (Padrón, A Coruña), entidade non lucrativa, Follas Novas nace con vocación de incorporar un horizonte amplo, universal e de converterse nun referente dos estudos sobre a autora no ámbito internacional. Para cumprir este obxectivo a revista  preséntase dividida en seis seccións  –Artigos, Textos e documentos,  Recensións, Bibliografía, Varia e Casa de Rosalía – que de algunha maneira debuxan o perfil dunha publicación cultural que aínda tendo o tema literario como fundamento, non renuncia a outras preocupacións propias da cultura e da socioloxía literarias: lectores, recepción, historiografía, sistema educativo etc.

O deseño e diagramación da revista xuntamente co título, sintetizan os valores estéticos e culturais da mesma: Follas Novas, evocación dun dos títulos emblemáticos de Rosalía, con tipos leucográficos sobre fondo azul. Unha metáfora do proxecto literario proxectado pola obra da autora.

O formato dixital permitirá achegar na sección Novidades, as publicacións, traducións e estudos que aparezan ao longo do ano. Algunhas das mesmas pasarán a formar parte dalgunha das seccións da versión en papel.

A revista está aberta a calquera posibilidade de colaboración e intercambio con persoas, institucións e entidades de ámbito cultural e social tanto no plano da publicación de traballos como de actividades que fomenten e divulguen a vida e a obra de Rosalía de Castro.